Wordpress Themes

Archive for Marzo, 2010

(…) Sempre tiven a inmensa sorte…

(…) Sempre tiven a inmensa sorte de contar con aliados exemplares, persoas que me amosaron a máis inesperada das fidelidades e que fixeron súas as ofensas dos meus inimigos, en ocasións moito máis do que eu mesmo podería facelas miñas. Xente que me seguiu a casas abandonadas, que levou por min as armas brancas que sempre tremían na miña mao, que forzou portas e abriu camiños, e que tantas veces foi a sombra que se erguía tras de min na boca dunha calella escura. Camaradas que aínda hoxe no medio das borracheiras recitan o nome de inimigos derrotados coma un mantra, entre gargalladas e ameazas que proveñen en realidade doutro tempo. Ao mirar no fondo dos seus ollos penso na triste mesquindade dos que en tempos trataron de destruírme, e dou grazas paradoxais pola súa torpe determinación, polo cego do seu impulso finado no muro invencíbel dos meus defensores. Grazas á súa xenreira eu tiven este amor, esta camaradaría, esta lealdade que aínda hoxe me arroupa no frío das noites. (…)

Os anos perdidos de Martiño Rocamador (Diarios)