Wordpress Themes

Este blogue está formado por fragmentos, retallos e anacos. Moitos son partes de cousas que estou escribindo ou escribirei algún día, a maior parte deles forman ese corpo fantasma de obras que os autores non queremos ou non podemos concluír ou sequera abordar. Esa colección de obras inconclusas perséguennos con maior ou menor teima, en ocasións crean familias ou hostes que sentimos a acompañarnos constantemente, e sempre se nos aparecen nos soños, na forma de libros perfectamente encadernados que agardan nas bibliotecas de Babel, ou como enigmáticos personaxes que nos negan a información ou a cortesía. Ás veces a súa extensión é tan grande que poderían cubrir camiños no deserto e ocupar máis días que as nosas propias vidas.

A pesar de todo isto, a función deste caderno non é a de servir como monumento funerario aos non nacidos e moito menos como montón de refugallos inservíbeis. A síndrome do membro fantasma, asociada ás amputacións, baséase na sensación de que a parte do corpo desaparecida aínda está no seu lugar, frecuentemente doendo. Estes fragmentos procuran crear un efecto similar, as historias non concluídas e non comezadas deixan medrar os seus nervios á procura da parte que non está e crean existencias fantasmagóricas no lector. Existencias que poden chegar a doer e que fermentan na leve frustración do inasíbel, que tantas veces acompaña tamén á capacidade de marabillarse.

.

.

.

.

.

As imaxes empregadas no deseño do blogue son “Curvy amputation knife” de David Monniaux en Wikimedia Commons, baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 1.o Xenérica e “Ideal Amputation Stumps. Chest muscle. Exhibit 2-203” do usuario de Flickr otisarchives1, onde figura como “Contributed by Col. Spittler and Col. Hakala, WRAH [Walter Reed Army Hospital?], Drawings by Mr. Winter, Scientific Art Section, MIS, AFIP” e baixo licenza Creative Commons Recoñecemento 2.0 Xenérica.