Wordpress Themes



(…) De que xeito podería explicalo na presenza do tribunal

(…) De que xeito podería explicalo na presenza do tribunal, a que familiar chamar que referendase a súa versión con algún escuro capítulo da infancia tapado para sempre. Non mente, señor xuíz, sempre tivo esa tendencia a erguerse, só que ao contrario dos outros irmaos, todos con algún episodio de sonambulismo, reaccionaba violentamente ante calquera tentativa de volvelo para a cama. Dende os dez anos decidimos fechalo no seu cuarto mentres durmía, despois de que durante unha sesta houbese que sacalo de enriba do seu irmán maior a quen atenazaba a gorxa mentres lle aseguraba entre besbellos unha morte certa. Claro que o peor foi aos dezaseis, durante unhas vacacións na costa, cando tratou de violar en soños á mesma rapaza coa que acababa de perder a virxindade e que durmía placidamente ao seu lado. O verán, xa sabe, fai baixar a garda en moitas cousas, e iso que isto era difícil de esquecer. Quen pasase por diante da porta trancada do seu cuarto escoitábao falar en soños, en ocasións pronunciando terríbeis ameazas, noutras con ese ton maino e cargado de rabia co que os xenocidas deben conspirar o exterminio dunha comunidade. Era dobremente terríbel porque nas mañás el nunca lembraba nada, era coma se o posuíse un outro eu co que nunca se atopaba durante a noite e que se disipaba ao chegar o día, momento no que volvía ser a persoa adorábel que agora ten diante de vostede. Mire que cara, señor xuíz, que sorriso idiota, como ía ser capaz esta persoa de acoitelar a ninguén. Se nin sequera vostede sospeita que o brillo dos seus ollos fala da alegría do primeiro encontro cun vello coñecido, cun amigo na distancia a quen hai que abrazar a través do corpo tronzado dunha terceira persoa, a quen hai que dar a mao mollándoa primeiro ben fonda no sangue dun inocente. (…)

Trinta e sete